sábado, 17 de março de 2007

Obradoiro de empoderamento en Fene

11, 18, 25 de abril e 2 de maio de 2007

Estimada compañeira:

Coma delegada da Muller do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller dos Servizos Sociais Municipais, teño o pracer de informarlle do obradoiro para mulleres previsto para o mes de abril: “MULLERES EMPODERADAS

A consecución da igualdade en todos os eidos precisa da implicación de todas as persoas integrantes dunha comunidade en xeral e, das mulleres en particular. Neste senso é preciso procurar a participación plena das mulleres na vida social, económica e política, promovendo así a consecución do poder individual e colectivo: o “EMPODERAMENTO”.

O empoderamento, xa dende o movemento feminista, lévase promulgando como instrumento imprescindíbel para a consecución do obxectivo de igualdade, facilitador na toma de conciencia por parte das mulleres das situacións de opresión e dominio que o sistema patriarcal impón de xeito inxustificábel á metade da poboación. Por todo isto, faise preciso estabelecer un traballo directo coas e para as mulleres, de xeito que se fomente a conciencia crítica favorecedora do cambio social, favorecendo a identificación das necesidades e demanda de intereses propios como mulleres, facilitando ferramentas prácticas de cara á consecución de participación activa coma cidadáns de pleno dereito.

Agradézolle que comunique esta información ás mulleres coas que contacte e da federación que representa e lle dea a maior difusión posíbel á actividade co obxecto de poder favorecer a participación das mesmas no obradoiro.

En Fene, a 14 de marzo de 2007.
Reciba un cordial saúdo.

Asdo.: Rita Couto Seijido

Delegada da Muller – Concello de Fene

P.D.: Nun principio estivo prevista a actividade para o mes de marzo, comunicámoslle o cambio de datas para que podan anotarse máis mulleres se así fora o caso, 11, 18, 25 de abril e 2 de maio de 2007

Nenhum comentário: