domingo, 24 de agosto de 2008

Nova Web da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza e VII Encontro Internacional

A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza estrea nova web.

Na Coordenadora Nacional da Marcha decidimos cambiar o deseño e formato da web e unificar toda a información e documentación que íamos deixando en diferentes blogs, polo que desde agora este blog non se vai seguir actualizando.

A información oficial da Marcha, só estará disponíbel na súa páxina web:

http://www.feminismo.info

______

VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres
Do 14 ao 21 de Outubro de 2008
Vigo - Galiza 2008




___________________________

domingo, 9 de março de 2008

O 8 de Marzo de 2008 en Ferrol Terra

Pese as prohibicións gubernamentais, as mulleres, na Galiza, estivemos na rúa este 8 de Marzo. Non podíamos quedar na casa e caladas, non nos podían silenciar, sobre todo no día internacional da nosa loita, no dia internacional das mulleres. Querían condernarnos ao obstracismo, o PP con ameazas e o goberno con prohibicións concretas a través das súa Delegación de Goberno. Pese as prohibición con inxenio e constancia somos visibles este 8 de Marzo.

As mulleres mobilizamonos en todo o mundo, na maioria dos casos en "liberdade", mais noutros casos coa ameaza de cárcere e porradas nas nosas costas, noutros casos no medio dunha guerra, exclavizadas, violadas, vendidas, empobrecidas, silenciadas invisibles, ...

Pola mañá xa tiveron lugar varias mobilización con importante suceso, pola tarde continuaran as mobilizacións noutras cidades da Galiza e as Feiras e Festas Feministas.

En Ferrol Terra:

Hoxe pola maña ás 12 do mediodía tivo lugar a concentración diante do Edificio dos Xulgados, na rúa Coruña, 100 persoas acudiron á convocatoria da Marcha, onde logo dunha intervención, tres representantes fixeron entrega de 403 autoinculpacións no xulgado de garda. Pola tarde ás 6, está previsto que dé comezo a Feira Feminista, no barrio da Gándara de Narón.

Audio da intervención na Concentración en Ferrol [08.03.2008]

Get this widget | Track details | eSnips Social DNA

Galería Fotográfica da Concentración e entrega de Autoinculpacións en Ferrol o 8 de Marzo de 2008


Galería Fotográfica da 1ª Feira Feminista de Ferrol Terra - A Gándara - Narón 8 de Marzo de 2008

Para máis información:
Enlace co Blog das Coordenadoras Locais

sexta-feira, 7 de março de 2008

Última hora e posición da Marcha Mundial das Mulleres, ante a prohibición das mobilizacións do 8 de marzo

A Marcha Mundial das Mulleres diante da prohibición das manifestacións do 8 de marzo, por parte da Delegación do Goberno Español en Galiza e variación dalgunhas convocatorias

Enlace.-

Para máis información:

Entrar no Blog das Coordenadoras Locais da Galiza, da Marcha Mundial das Mulleres

Actos Convocados pola Coordenadora Local de Ferrol Terra este 8 de marzo de 2008


A Coordenadora Comarcal da Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra, convoca actos neste sábado 8 de Marzo, DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES, aos que convida a participar a toda a cidadanía baixo o lema NIN UN PASO ATRAS, AS MULLERES NON PODEMOS PERDER DEREITOS!
Ás doce do mediodia, nos xulgados da Rua Coruña da cidade de Ferrol, celebraráse unha concentración e entrega de autoinculpacións en solidariedade coas mulleres enxuiciadas por aborto en Madrid, e para pedir unha nova lei do aborto.
De seis da tarde a nove da noite, no Pavillón da Mocidade de Narón, no barrio da Gańdara do concello de Narón, celebraráse unha feira feminista, na que se contará con exposición de libros, arte, artesania, mostra de colectivos, actuacións musicais, recital poético.....
Mais información en www.feminismo.info ou no telefono 671695968

sexta-feira, 29 de fevereiro de 2008

Concentración e Feira este 8 de Marzo de 2008 en Ferrol e Narón, no Día Internacional das Mulleres


DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES
8 DE MARZO DE 2OO8

Nin un paso atrás!

As mulleres non podemos perder dereitos

Levamos un longo camiño andado desde que en 1910 se acordaba na Conferencia Internacional Socialista de Mulleres, celebrada en Copenhague, sinalar o 8 de Marzo como un día de mobilización e loita polos dereitos das mulleres. A nosa sociedade ten avanzado cara onde soñaban as mulleres que viviron a Segunda República, e como nin chegaron a imaxinar as que tiveron que sobrevivir á dictadura franquista. Con todo, sabemos que nos queda moito por camiñar. Tamén sabemos que o que temos conquistado até agora pode sernos arrebatado por intereses políticos, económicos ou relixiosos. Isto é o que sucedeu nas últimas décadas en paises como Afganistam, Iraq, Nicaragua, Exipto, EEUU ou Polonia. Isto é o que pretenden as forzas reaccionarias representadas pola Conferencia Episcopal e a cúpula do Partido Popular.

Asistimos, nestes últimos meses, a un discurso ameazador que relaciona un suposto caos social coa liberdade das mulleres, co noso estatus de cidadás en igualdade e cos dereitos conseguidos até agora. E dos discursos preténdese pasar aos feitos. Así xa se fixo, abrindo procesos xudiciais a mulleres que se acolleron á Lei do Aborto, demostrándonos que esta lei é insuficiente para protexer e garantir o noso dereito a decicir, e nos deixa desprotexidas ante a reacción machista. Políticos conservadores, para a nosa intranquilidade, aseguran que se gañan as eleccións van facer cumprir a Lei do Aborto. E dicer, haberá máis mulleres enxuiciadas, máis clínicas fechadas e máis obxección de conciencia na sanidade pública. Os discursos non paran aí. Fálase do divorcio como un mal da nosa sociedade e descúlpase a violencia machista por falta de paciencia e capacidade de sacrificio das mulleres.

Para o noso asombro, estes políticos, coreados pola Conferencia Episcopal, falan de negar os dereitos humanos, o dereito á igualdade, a lesbianas e gais, intentando impoñer un modelo único de familia. Ademais, o racismo tinxe este discurso que pretende que recuperemos o medo á liberdade de épocas escuras, de exclusión e sufrimento para as mulleres. A situación é grave porque falamos da institución relixiosa con máis poder no noso país e dunha forza política maioritaria.

A Marcha Mundial das Mulleres recolle moitos anos de experiencia de loita feminista de todas partes do planeta. É por iso que sabemos que cando soan tambores anunciando pasos atrás, retrocesos na conquista dos nosos dereitos, o mellor xeito de facerlles fronte é a denuncia, a organización e a mobilización. Este 8 de Marzo estaremos presentando autoinculpacións de ter abortado nos xulgados das sete cidades galegas. Facémolo para mostrar a nosa solidariedade coas mulleres enxuizadas, para denunciar unha lei que non garante o noso dereito a decidir. Estaremos organizando, ao longo da xeografía galega, actos de denuncia e toma de conciencia, do que nos xogamos se nos arrebatan o que levamos conseguido. Estaremos visibeis, ocupando os espazos públicos. Estaremos unidas ao resto das mulleres do planeta que senten a necesidade de cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, e que hai que cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo.

Se queres sumarte á nosa resposta contra a reacción machista consulta:

http://www.feminismo.info

NIN UN PASO ATRÁS!
AS MULLERES NON PODEMOS PERDER DEREITOS

Están programadas concentracións e actos en toda Galiza, nas sete cidades entregaran-se autoinculpacións nos diferentes xulgados.

  • Concentración en Ferrol e entrega de autoinculpacións nos xulgados, na Rúa Coruña ás 12 do mediodía.

  • Feira Feminista, no Pavillón da Mocidade [A Gándara] en Narón, de 18:00 a 21:00 hrs. Libros, Música, Poesia, Arte, Artesania, ...

__________

quinta-feira, 31 de janeiro de 2008

Concentración na Praza do Concello de Ferrol, hoxe 31 de xaneiro ás 8 da tarde, contra a violencia machista

Unha vez máis unha muller víctima mortal da violencia machista.

Hoxe pola mañá, na localidade de Cangas do Morrazo, C. morría asesinada polo seu home. Os medios de comunicación non dan moitos máis datos, so asuntos circunstanciais, sen que podamos saber até o de agora máis sobre o acontecido. Mais a Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres, decidimos convocar unha concentración hoxe mesmo, xoves, 31 de xaneiro, ás 8 da tarde na Praza do Concello de Ferrol.
________________

O pasado 25 de Novembro, miles de persoas en todo o mundo mobilizabamo-nos no Día Internacional contra Violencia de Xénero, a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, faciamo-lo en diferentes vilas e cidades do noso país, baixo o lema "PODEMOS ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA, CADA QUEN DESDE A SÚA RESPONSABILIDADE", e asi expresábamos-nos nesa data:

Son moitos os cambios nos últimos anos: novas leis, programas específicos nas administracións, visibilización nos meios de comunicación, distinta valoración na opinión pública, novos valores nas relacións persoais... aínda así, o número de mulleres asasinadas, as denuncias de mulleres agredidas e as condenas por agresións, seguen aumentando. E o que é aínda máis preocupante, a violencia machista perpetúase na xente máis nova.

Somos conscientes de que muitas estruturas económicas (Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, multinacionais...) , estruturas políticas (G-8, gobernos, exércitos...), e estruturas relixiosas (Vaticano, conferencia episcopal española, aiatolas, imáns, consellos relixiosos...) están mantendo e perpetuando unha organización patriarcal da sociedade onde se encontra enraizada a violencia machista. Unha realidade implantada en todo o planeta, e que mostra a súa face máis descarnada en situacións de guerra, tráfico de persoas e explotación sexual.

Aínda así, desde a Marcha Mundial das Mulleres temos o convencemento de que para rematar coa violencia, non chega coa denuncia e loita contra todas estas institucións e estruturas. Partindo da nosa realidade máis inmediata, fai falta que confluamos nunha mesma dirección todos os sectores sociais que aspiramos a transformala,
porque cada quen debe analisar e asumir a responsabilidade que lle corresponde para rematar con esta lacra social:

As organizacións políticas e as persoas que teñen responsabilidades e presenza nas administracións e nos poderes públicos, que deben tomar consciencia de que este non é un problema só daqueles departamentos, secretarías, concellalias... específicas, senón que é algo que atinxe de xeito global a todos os estamentos e implica reformulacións organizativas e de "boas práticas", destinando máis recursos para a aplicación das leis, creación e mantemento de servizos de atención e recuperación das vítimas, aplicando consecuentemente políticas de prevención e compromenténdose, máis aló do papel, nas políticas de igualdade. Enfrontándose aos grupos políticos que dean o seu apoio a alternativas ou práticas sociais, económicas, relixiosas e culturais que neguén a igualdade de dereitos para todas as persoas e favorezan relacións de marxinación e opresión.

As persoas que traballan nos medios de comunicación, tanto públicos como privados, que teñen a responsabilidade de elaborar e divulgar unha información obxectiva e libre de estereotipos sexistas, tanto en relación coas vítimas de violencia como a visibilización das mulleres en todos os ámbitos sociais. Asumindo a responsabilidade que lles corresponde na creación dunha opinión pública inspirada nos valores da igualdade.

Os sindicatos, que teñen a responsabilidade de loitar contra a segregación e a discriminación no mundo laboral e de asumir a defensa da seguridade e a saúde de todas as traballadoras e traballadores. Deben aplicar unha perspectiva de xénero na sua acción sindical, utilizando todas as ferramentas na loita contra a discriminación, e o acoso, e na mellora das condicións laborais, especialmente dos sectores máis precarizados e vulnerábeis, tanto no ámbito rural como no urbano. Correspóndelles, como un dos máis importantes axentes sociais, un papel fundamental na sensibilización social a prol da igualdade, a corresponsabilidade e de rexeitamento do machismo e a misoxinia.

A comunidade educativa, que ten a responsabilidade de detectar e atallar, no seu ámbito, actitudes machistas e situacións de violencia, formando en valores de igualdade, solidariedade, xustiza, liberdade e paz. Xerando dinámicas própias de renovación pedagóxica que garanticen unha educación en igualdade.

O movimento veciñal, cultural, ecoloxista... que conforman un tecido social moi activo no noso país e de compromiso transformador, que teñen a responsabilidade de transmitir e aplicar os modelos de igualdade na hora de elaborar as súas alternativas, a súa práctica e o seu modelo organizativo, monstrando a súa solidariedade e irmandade co feminismo.

As persoas crentes, que tenhem a responsabilidade de rexeitar o machismo e a misoxinia que emana, tanto das estruturas relixiosas, da doutrina, ou dos textos sagrados, buscando un novo modelo de espiritualidade que non perpetue a exclusión e opresión das mulleres.

Os homens, que teñen a responsabilidade de amosar o seu rexeitamento, no día a día, ás actitudes machistas, desenvolvendo novos modelos de masculinidade, implicándose na sensibilización e concienciación social pola necesidade dun novo modelo de relacións afectivas e sexuais baseadas no respecto, a igualdade e a liberdade. Asumindo a corresponsabilidade no coidado (crianzas, persoas enfermas e de idade, traballo doméstico...), tan imprescindíbel para as persoas.

As mulleres, que temos a responsabilidade de non perpetuar un sistema que nos marxina, de rexeitar unhas relacións baseadas na sumisión e na desigualdade, que debemos implicarnos no proceso de empoderamento individual e colectivo, criando alianzas e cumplicidades que nos axuden a avanzar.
________

A noticia segundo o xornal Faro de Vigo
___________

quarta-feira, 23 de janeiro de 2008

Concentración en Ferrol

Mais de cen persoas participaron na concentración da Marcha Mundial das Mulleres realizada en Ferrol. A lectura do comunicado correu a cargo de Anxela Lagoa. Repartironse modelos de autoinculpación que van ser entregados o próximo 8 de marzo. Rematou a concentración coreando as consignas "Aborto libre e gratuito" "Nós parimos, nós decidimos"

Texto do comunicado leido na concentración:

Hai case 30 anos o xuízo a 11 mulleres de Basauri por ter abortado iniciou unha longa campaña do movemento feminista polo dereito ao aborto.

Dimos pasos moi ousados nos que desafiabamos aberta e descaradamente a legalidade vixente, nunha campaña sostida ao longo de varios anos: dicindo que dabamos enderezos e información para abortar, autoinculpándonos de ter abortado, ou ter colaborado na realización de abortos, ou mesmo por realizalos como xeito de loita, para poñer entre a espada e a parede ao poder xudicial e ao poder executivo.

Non se atreveron a xulgarnos (aínda que se abriron dilixencias a 8 militantes feministas que afirmaron a autoría material dun aborto practicado na cidade de Vigo e que así o testemuñaron diante do xuíz que as chamou a declarar no mes de setembro do ano 86).

Hoxe, tantos anos despois, as actuacións xudiciais que levaron á garda civil a entrar na casa das mulleres para citalas a declarar por ter abortado, ten xerado unha situación de indignación que nos retrotrae a épocas pasadas.

Ante todo queremos manifestar o noso total apoio e solidariedade con estas mulleres.

A persecución que sufriron é un ataque a todas e unha ameaza ao dereito de decidir, polo que desde a Marcha Mundial das Mulleres iniciamos unha campaña de autoinculpacións que entregaremos no xulgado o 8 de marzo.

ESIXIMOS AO GOBERNO E AOS PARTIDOS POLÍTICOS UN COMPROMISO CLARO E DECIDIDO PARA MODIFICAR A ACTUAL DESPENALIZACIÓN PARCIAL DO ABORTO, ACABANDO COA INSEGURIDADE XURÍDICA QUE XENERA.

ESIXIMOS QUE A NOVA NORMATIVA GARANTA E RESPECTE O DEREITO DAS MULLERES A INTERRUMPIR VOLUNTARIAMENTE O SEU EMBARAZO, ASEGURANDO QUE ESTAS INTERRUPCIÓNS SE FAGAN DE FORMA NORMALIZADA NA REDE SANITARIA PÚBLICA:

ABORTO LIBRE E GRATUITO NA SANIDADE PÚBLICA
_________________



Campaña de autoinculpacións

Comeza unha campaña de autoinculpacións que rematará o vindeiro 8 de marzo coa súa entrega nos xulgados de garda no transcurso das concentracións no Día Internacional da Loita Feminista.

Copia, reproduce e difunde os textos de autoinculpacións.


Texto pa Homes:


AO XULGADO DE GARDA DE........................................................

Nome e apelidos .......................................................................................................................

con DNI/NIF ..................................................... en ...................................................................

Ante estes Xulgado comparezo e

DECLARO ter acompañado a unha muller a interromper voluntariamente o seu embarazo

DENUNCIO a persecución á que se está a someter ás mulleres e ESIXO que o dereito a abortar se garanta na Rede Sanitaria Pública

En ................................................ a ................ de ........................................... de 2008

Asinado:


Texto para Mulleres:


AO XULGADO DE GARDA DE........................................................

Nome e apelidos .......................................................................................................................

con DNI/NIF ..................................................... en ...................................................................

Ante estes Xulgado comparezo e

DECLARO ter interrompido voluntariamente o meu embarazo de forma consciente e responsábel

DENUNCIO a persecución á que se está a someter ás mulleres e ESIXO que o dereito a abortar se garanta na Rede Sanitaria Pública

En ................................................ a ................ de ........................................... de 2008

Asinado:



____________

segunda-feira, 14 de janeiro de 2008

Charla da Asociasión Luso-Galega de Antropoloxía sobre sociedades matriarcais.


Estimad@s amig@s:

Como presidenta da Asociación Luso-Galega de Antropoloxía (ALGA) teño o pracer de convidarvos á primeira conferencia no Ferrol do ciclo de conferencias "Cultura e Sociedade nun Mundo Global" que imos desenvolver nos próximos meses na cidade.
Esta primeira conferencia impartida pola profesora da Universidade de Vigo, Águeda Gómez Suárez, ten como obxecto a presentación de dúas sociedades -os bijagós de Guinea Bissau e os Zapotecas de México- que apontan á existencia de matriarcado, feito novedoso e de suxerente interés e posibilidades na vital cuestión do xénero na nosa sociedade. O programa da actividade propicia o debate e a discusión co público a partir dunha primeira intervención da experta duns corenta – cincuenta minutos. Achamos que esta posta en común constitúe unha boa oportunidade para compartir experiencias e plantexamentos polo que apreciariamos extraordinariamente a vosa asistencia e participación activa. A conferencia celebrarase o xoves 17 de xaneiro ás 18 horas no Ateneo Ferrolán. Águeda Gómez é experta en movementos indixenistas de México e desenvolveu traballo de campo entre os zapotecas deste país e os bijagós de Guinea Bissau, analizando as relacións de xénero nas dúas sociedades.
Con este ciclo de conferencias tamén nos propoñemos dar a coñecer a nosa asociación como un incentivo máis para a vida sociocultural da nosa cidade. Pontoalmente irémosvos informando do programa de actividades, que se estenderá ao longo do curso académico, cun ciclo de cine, distintos talleres e seminarios así como un simposio sobre cooperación no próximo mes de abril.
Agradecendo o voso interés, enviovos un saúdo en nome de ALGA.
María Xesús Pena Castro (Presidenta de ALGA)
www.anthroponet.org

presidenta.alga@anthroponet.org