segunda-feira, 14 de janeiro de 2008

Charla da Asociasión Luso-Galega de Antropoloxía sobre sociedades matriarcais.


Estimad@s amig@s:

Como presidenta da Asociación Luso-Galega de Antropoloxía (ALGA) teño o pracer de convidarvos á primeira conferencia no Ferrol do ciclo de conferencias "Cultura e Sociedade nun Mundo Global" que imos desenvolver nos próximos meses na cidade.
Esta primeira conferencia impartida pola profesora da Universidade de Vigo, Águeda Gómez Suárez, ten como obxecto a presentación de dúas sociedades -os bijagós de Guinea Bissau e os Zapotecas de México- que apontan á existencia de matriarcado, feito novedoso e de suxerente interés e posibilidades na vital cuestión do xénero na nosa sociedade. O programa da actividade propicia o debate e a discusión co público a partir dunha primeira intervención da experta duns corenta – cincuenta minutos. Achamos que esta posta en común constitúe unha boa oportunidade para compartir experiencias e plantexamentos polo que apreciariamos extraordinariamente a vosa asistencia e participación activa. A conferencia celebrarase o xoves 17 de xaneiro ás 18 horas no Ateneo Ferrolán. Águeda Gómez é experta en movementos indixenistas de México e desenvolveu traballo de campo entre os zapotecas deste país e os bijagós de Guinea Bissau, analizando as relacións de xénero nas dúas sociedades.
Con este ciclo de conferencias tamén nos propoñemos dar a coñecer a nosa asociación como un incentivo máis para a vida sociocultural da nosa cidade. Pontoalmente irémosvos informando do programa de actividades, que se estenderá ao longo do curso académico, cun ciclo de cine, distintos talleres e seminarios así como un simposio sobre cooperación no próximo mes de abril.
Agradecendo o voso interés, enviovos un saúdo en nome de ALGA.
María Xesús Pena Castro (Presidenta de ALGA)
www.anthroponet.org

presidenta.alga@anthroponet.org

Nenhum comentário: