Igualdade pon en marcha axudas para subvencionar os gastos de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres de Galiza
As entidades poden presentar as solicitudes dende mañá ata o 5 de xulloSantiago de Compostela, 5 de maio de 2007.- A Secretaría Xeral da Igualdade pon en marcha unha liña de axudas dirixidas a subvencionar os gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres de Galiza. Estas axudas, ás que vai dirixida unha contía de 240.000 euros, poderanse solicitar á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ata o día 5 de xullo.
Poderanse beneficiar destas subvencións as asociacións de mulleres e as federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Vicepresidencia, na área de actuación de muller, e domiciliadas na Comunidade Autónoma. Para optar a estas axudas, as asociacións deberán contar cun mínimo de 50 mulleres socias, e as mulleres deben representar polo menos o 90% da totalidade dos asociados. Así mesmo, entre os seus fins deberán promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.
As axudas reguladas na orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia teñen como finalidade fortalecer e consolidar o movemento asociativo de mulleres, por ser un elemento indispensable na promoción da igualdade de oportunidades, establecendo unha liña de apoio ao seu mantemento e funcionamento. Por este motivo, concederanse axudas económicas para compensar os gastos que orixinen o mantemento ou o funcionamento destas entidades no exercicio do 2007. O mantemento inclúe o financiamento dos gastos correntes en bens e servizos derivados do local onde estea situada a sede social da entidade, obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións, así como gastos de material. O funcionamento ten como obxectivo facilitar o desenvolvemento das actividades propias e habituais da entidade, incluíndo os gastos derivados do seu persoal.
Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta o número de mulleres asociadas e, no caso das federacións, tamén o número de asociacións federadas e o seu ámbito de actuación. Así mesmo, valoraranse o número e características das actividades realizadas pola entidade nos últimos tres anos, priorizándose as actividades que de xeito habitual ou periódico se dirixan a mulleres que sofren violencia de xénero. Tamén se mirará a adecuación das actividades as políticas de igualdade e a carencia de medios económicos ou a dificultade de obter canles de financiamento por outros medios.
As entidades interesadas poden consultar a orde de subvencións no Diario Oficial de Galicia nº 107, do martes 5 de xuño de 2007
Enviado por Eva Sayago - Psicóloga Servizo Municipal de Atención á Muller SS.Sociais - Fene
Nenhum comentário:
Postar um comentário